Friday 20 de September de 2024

O PSOE de Ordes pide medidas urxentes para garantir o acceso ás novas terapias a doentes de hepatite C, dos que hai máis de 200 en Ordes


Os socialistas plantexarán distintos arranxos nas rúas da Vila de Ordes

O PSOE de Ordes solicitará o apoio de todos os grupos municipais para instar ao Goberno Galego a que adopte medidas urxentes ante o Goberno de España para garantir o acceso ás novas terapias para os doentes de hepatite C que o precisen, dos que hai uns 700.000 casos a nivel nacional e dos que máis de 200 están adscritos ao centro de saúde de Ordes. Ademais, pedirán que se adopten as medidas precisas para que estes novos fármacos se dispensen nas farmacias hospitalarias de xeito inmediato á súa prescrición polos médicos especialistas do Servizo Galego de Saúde.

“A inquedanza e as queixas dos doentes de hepatite C van en aumento ao comprobar como nuns casos a súa situación no é contemplada dentro dos criterios de elixibilidade que se aplican para o acceso ao fármaco e como noutros moitos a solicitude cursada polos seus hepatólogos é rexeitada ou non contestada, a pesar de que se determina que cumpren cos requisitos establecidos polo Ministerio de Sanidade”, denuncia Xesús Pedreira. Por iso, o voceiro municipal socialista considera que “os criterios para a dispensación do tratamento co Sofosbuvir no sistema público deberían ser moito máis inclusivos”.

Peticións

Así mesmo, o grupo socialista aproveitará a sesión plenaria ordinaria deste xoves 29 de xaneiro para solicitar unha batería de arranxos en pistas e beirarrúas que lles fixeron chegar veciños e veciñas do municipio. Así, o PSOE de Ordes pedirá o pulido dos bordillos na rúa Alfonso Senra, cuxas arestas están a producir roturas dos pneumáticos dos coches ao aparcar á altura do número 157.

Ademais, os socialistas pedirán a reparación dun tramo da rúa Recreo, entre o parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente e a Rúa Mediodía; o arranxo con aglomerado ca intersección entre a rúa Mediodía e a N-550; e a reparación dos cruces das pistas centrais da concentración parcelaria, onde tamén é preciso colocar a sinalización viaria precisa. Por último, solicitarán un correcto mantemento das xardineiras na ampliación da Alameda, o arranxo das baldosas deterioradas na beirarrúa da Rúa do Mercado e que se solucionen os problemas de cobertura de Radio Ordes.